Sunday 05 de May de 2024

Preto de 75.000 persoas pasaron polo posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión


O público puido degustar a ‘tosta de San Xoán’, mexillóns en escabeche con algas, lacón con grelos e chourizo, callos á galega, empanada de xoubas ou guiso de polbo e legumes

A Coruña culmina a súa participación na feira gastronómica internacional Madrid Fusión con éxito de asistentes. Preto de 75.000 persoas pasaron polo espazo de Saborea España, no que se sitúa A Coruña e o seu mostrador. Durante os tres días que durou este congreso gastronómico de proxección nacional e internacional, no posto de Saborea A Coruña houbo degustacións de produtos e pratos da cociña da cidade, talleres e demostracións en directo, emitidos tamén vía streaming, que chamaron a atención e espertaron a curiosidade de público procedente de distintos sectores e ámbitos xeográficos. O posto coruñés recibía onte a visita da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, acompañada do presidente de Hostalería de España, José Luis Yzuel, e de Susi Díaz, presidenta de Saborea España.

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, preparou un intenso programa de talleres, demostracións en directo de chefs da cidade e degustacións de produtos para mostrar a oferta gastronómica da cidade nesta vixésimo primeira edición da feira internacional Madrid Fusión. Encabezaban a delegación coruñesa Sheila Barbeito, cociñeira do Restaurante Roots, gañadora do Concurso de Tapas Picadillo 2022 na categoría creativa e finalista no Concurso Nacional de Tapas de Valladolid 2022 e Gonzalo Cotelo, cociñeiro do Restaurante Morriña, gañador do Concurso de Tapas Picadillo 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa na categoría maridaxe. O Goberno de Inés Rey completou a exposición do potencial da cidade como destino turístico nesta feira gastronómica, tras a presentación da oferta cultural e de lecer a pasada semana en Fitur.

Na terceira xornada da feira, tras empezar o día con bica de Amasarte, Infusións Orballo e produtos de Acastrexa no posto da Coruña, Gonzalo Cotelo encargouse do Taller de tapas: Bocados da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas con Paula Patiño, de Acastrexa, e os asistentes puideron degustar Mexillóns en escabeche con algas de PortoMuíños, Patacas Bonilla a la vista e Vermut Ecolóxico Lodeiros. Tamén houbo ocasión de probar callos á galega, elaborados por Gonzalo Cotelo e Gyozas Picadillo, por Sheila Barbeito, con viños Pagos de Brigante e Adegas Bordel. Para o Momento Doce: ‘cañitas’ recheas de Amasarte.

Neste congreso gastronómico internacional, La Empanada Viajera ofreceu ao público empanada de xouba, e tamén houbo espazo para “a tosta de San Xoán” (sardiña afumada sobre broa e marmelada de pemento de Acastrexa) ou Lacón con grelos e chourizo.

Durante os tres días da feira o posto de Saborea A Coruña ofreceu aos visitantes produtos da Lonxa da Coruña, Adegas Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Vermut ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, Infusións Orballo, Bonilla a la vista, La Empanada Viajera e Amasarte.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.